Saturday 04 de May de 2024

O Nazareno volverá saír en procesión polas rúas da Pobra


A Pobra do Caramiñal vivirá do día 16 ao 19 de setembro o terceiro gran festexo do verán: o Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, que porá o broche de ouro á época estival. Un evento con forte arraigamento na localidade, que atrae xente do territorio galego e, incluso, de fóra e que, ademais do evidente carácter relixioso, contará tamén cunha vertente lúdica e cultural, tal e como explicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

O Concello e a comisión deseñan así unha programación que recupera a normalidade previa á pandemia e con propostas para tódolos públicos, polo cal será garantía de éxito, segundo manifestou o presidente da comisión, José García, quen trasladou o seu agradecemento polo apoio de toda a veciñanza, empresas e Administración local, especialmente, despois de que neste ano non saísen a pedir polas portas despois do coronavirus.

Con relación a isto, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), anunciou que se realizará, logo de rematado este período, unha reunión coas diferentes entidades organizadoras das festas para valorar como proceder cara aos próximos anos para tentar alivia-lo inxente labor que realizan de percorre-las vivendas e buscar así fórmulas diferentes de colaboración. O mandatario local tamén avanzou que na reunión da Xunta Local de Seguridade desta semana se determinaron as medidas coas cales garanti-la seguridade. Solicitouse a colaboración da Axencia Galega de Emerxencias e doutras institucións para a prestación de medios humanos e materiais que intensifiquen o operativo deseñado.

O pregón dende o balcón do consistorio marcará o inicio das festas no venres 16, ás 21.00 horas, para máis tarde desfrutar do tributo Ciao Raffaella, que se ofrecerá na praza Alcalde Segundo Durán. Logo de pasada a medianoite, a banda local Moito! iniciará o seu concerto no Cantón da Leña, mentres que a actividade regresará á nomeada praza coa Macro Disco Chocolate durante a madrugada.

O sábado 17 arrancará coa animación de rúas a cargo de Latexo, mentres que as cores encherán as pistas deportivas do Castelo durante a tarde coa festa Holi. É importante levar vestimenta de cor branca e farase entrega dunhas lentes e pigmentos en distintas tonalidades. A música converterase na gran protagonista da noite co tributo Remember Queen e A Pobra DJ Fest, presentado por Jorge Ramón Web, cos DJ Del Puerto, Traffic House, Adri Martínez e Rokiño, ademais de G Face como artista convidado. Ámbalas citas concentraranse na praza Alcalde Segundo Durán.

A localidade espertará no domingo 18 coa música tradicional galega da man da Agrupación Musical do Rosal, Buxaina, Xiada e O Son do Pote. A procesión votiva das mortallas sairá, ás 10.30 horas, da igrexa de Santiago do Deán, acompañada dunha multitude de fieis e na que, polo de agora, hai unha confirmada unha participación de catro cadaleitos. Unha vez finalizada a comitiva oficiarase unha misa cantada no referido templo relixioso.

O folclore continuará pola tarde con ruadas e con dúas sesións musicais nos Xardíns de Valle-Inclán: Xilbarbeira e Agrupación Musical do Rosal. Xa pola noite será a quenda da charanga N.B.A. polo núcleo urbano e da verbena con Alianza e New York na praza Alcalde Segundo Durán.

As alboradas da Banda de Música Municipal de Vilanova, Os Chaneiros, Xiada e O Son do Pote anunciarán o derradeiro día de festexos, no luns 19. Estas agrupacións serán as encargadas de marca-lo ritmo da xornada para finalmente dar paso á orquestra Olympus e ao grande espectáculo de fogos artificiais.

Ao longo do presente mes celebraranse numerosas cerimonias e a novena comezará no 9 de setembro.